Friday 26 de April de 2024

San Sadurniño e a Deputación renovan o convenio de colaboración da FAEPAC


San Sadurniño, como municipio asinante do Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía Sustentable (PACES), marcou como obxectivo reducir as súas emisións de CO² nun 40% antes do remate desta década, ademais de estar comprometido cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU que establecen outras medidas de tipo social e ambiental coincidentes en parte coas metas do PACES. Unha das chaves para acadalas é a continuación das políticas relacionadas co aforro enerxético, nas que San Sadurniño leva anos traballando con apoio da Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña. Este organismo dependente da Deputación ofrece asesoramento para rebaixar e optimizar consumos de electricidade e combustibles, mellorar a eficiencia de edificios e instalacións públicas e, ademais, axuda na captación de recursos económicos para os proxectos que cumpra levar a cabo en cada caso. A colaboración entre o Concello e a FAEPAC reflíctese nun convenio que se renovou hoxe mesmo na sede da Deputación da Coruña e que terá unha vixencia de un ano prorrogable por acordo de ambas partes.

O texto rubricado por Valentín González Formoso e Secundino García Casal estipula que a fundación prestará asesoramento técnico en todas aquelas actuacións de tipo enerxético desenvolvidas polo Concello. Nos servizos prestados pola FAEPAC entrarían, en primeiro lugar, o seguimento e control de consumos enerxéticos de electricidade, auga quente e calefacción nas instalacións e servizos públicos municipais. Ademais tamén se recolle a elaboración de informes específicos sobre proxectos de mellora e eficiencia enerxética, a comunicación de modificacións lexislativas e tarifarias -incluídas recomendacións sobre como minorar o seu impacto- e a achega de información sobre convocatorias de axudas públicas xunto coa elaboración de memorias técnicas para a súa solicitude.

Alén destes apartados, o convenio coa FAEPAC incorpora o compromiso de manter ao día ao Concello sobre novos materiais, produtos, sistemas e servizos susceptibles de seren implantados nas instalacións municipais que permitan reducir as emisións asociadas ao consumo de enerxía. O acordo recolle, por último, a colaboración da fundación na redacción e implantación de ordenanzas municipais que fomenten o uso racional da enerxía ou a implantación de fontes de orixe renovable e, en xeral, calquera outra actuación que acorde a Comisión de Seguimento do convenio, formada por representantes do consistorio e da entidade.

O alcance do documento suscrito esta mañá na sede da Deputación da Coruña non comprende o levantamento de planos e esquemas de instalacións, a redacción de estudos e cálculos xustificativos do cumprimento de prescricións regulamentarias das edificacións ou instalacións, nin tampouco a realización de auditorías enerxéticas distintas das que ten a FAEPAC entre os seus cometidos.

O convenio terá un ano de duración, aínda que poderá irse renovando despois por acordo de ambas partes. En cada exercicio o Concello destinará algo máis de 3.304,80 euros (ive incluído) a colaborar economicamente nos custes derivados do desenvolvemento do acordo.

O alcalde, Secundino García, destacou trala sinatura do convenio que o asesoramento recibido da FAEPAC “é fundamental nun contexto de constante aumento dos prezos da luz e dos combustibles”, ademais de engadir que o importe do convenio “vese compensado cos aforros que se conseguen tanto nas novas instalacións como na actualización das existentes”. Cabe recordar que os proxectos de iluminacións públicas acometidos nos últimos anos, o paso á tecnoloxía de led e a reestruturación dos contratos de abastecemento eléctrico “leváronse a cabo con asesoramento da FAEPAC”. O rexedor apuntou, ademais, que contar coa colaboración da fundación “tamén será fundamental para avanzar na aplicación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 da ONU, xa que unha parte importante do plan que temos aprobado refírese á eficiencia enerxética”.